International Congress on Environmental Health – L Curso de Saúde Ambiental

Santiago de Compostela (A Coruña)
8-11 maio 2012

“O medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, saúde e benestar á poboación”.

Cada día ten maior importancia o coñecemento do medio ambiente dunha comunidade, xa que é un condicionante do seu benestar social, sanitario e económico. A industrialización e a urbanización modificaron o medio ambiente dando orixe a problemas ambientais de primeira orde (o efecto invernadoiro e o cambio climático, a destrución da capa de ozono estratosférica, o transporte de contaminantes, a desertización, etc.) que é preciso corrixir, así como evitar que as actividades futuras orixinen máis deterioracións no noso contorno a través dunha política preventiva que permita un desenvolvemento sostido e equilibrado e teña como obxectivos a protección da saúde das persoas e a conservación de todos os recursos (aire, auga, solo, clima, especies de flora e fauna, alimentos, materias primas, hábitat, patrimonio natural e cultural) que condicionan e sustentan a vida. As interrelacións entre os diversos recursos e a súa xestión fan cada vez máis necesaria a posta en marcha de estratexias globais, entre as que ocupa un papel fundamental o principio de prevención, xa que máis vale previr que curar.

A forte conexión entre medio ambiente e saúde recoñeceuse expresamente na 3a Conferencia Ministerial do Medio Ambiente e a Saúde (Londres, 1999). O Cume da Terra de Río de Janeiro (1992) e a Conferencia de NNUU sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento de Johannesburgo (2002), acuñaron a idea de desenvolvemento sostible, que expresa a imposibilidade dun desenvolvemento sen contar co medio ambiente (a protección do medio ambiente e o desenvolvemento económico e social son tres piares inseparables do desenvolvemento sostible). Para acadar os obxectivos do VI Programa Comunitario de Acción en materia de medio ambiente para 2001-2010, ademais da consideración das disposicións lexislativas vixentes e de aspectos tecnolóxicos inclúense actuacións tales como o aumento de diálogo coa empresa, fomento de acordos voluntarios, participación da opinión pública, acceso á información ambiental, etc. A empresa ten unha especial responsabilidade diante do medio ambiente ao ser consumidora de recursos, ademais de fonte de emisións e residuos; pero tamén é orixe de coñecementos científicos e tecnolóxicos, así como de positivos impactos socioeconómicos; o cal levou a moitas empresas a integrar a política ambiental nas estratexias corporativas adoptando criterios de protección do contorno na planificación de actividades e toma de decisións, o que implica tamén ás asociacións empresariais, xa que a protección do medio ambiente na empresa constitúe unha responsabilidade corporativa.

A Oficina Rexional para Europa da OMS, baseándose nas iniciativas de Cidades Saudables, e tendo en conta as experiencias dos plans de sanidade ambiental locais e os programas da Axenda 21 existentes nalgúns países europeos, decidiu apoiar as entidades locais e rexionais para acadar os obxectivos do desenvolvemento sostible, para o cal é necesario impulsar a posta en marcha de medidas de planificación e control do medio ambiente relacionadas cos aspectos sanitarios, xa que para resolver os problemas do medio ambiente, a saúde e o desenvolvemento sostible, é preciso chegar a un acordo e emprender accións non só a nivel nacional e internacional senón tamén a nivel subnacional e local.

Na liña das políticas da OMS de propoñer ambientes saudables, e coa esperanza de concienciar aos concellos galegos de asumir esta filosofía na xestión dos aspectos ambientais da saúde e así poder contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia e mellorar as condicións de vida dos cidadáns, púxose en marcha en Galicia no ano 2000, o Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2012, que auspiciado pola SESA, contou cos parabéns do coordinador do proxecto “Healthy Cities” da Oficina Rexional para Europa da OMS. Esta iniciativa itinerante pioneira en España, leva consigo:

  • Un primeiro nivel de actuación: de formación e reciclaxe de técnicos en medio ambiente e saúde, e foro de debate de todos os axentes sociais implicados na tarefa de protexer e conservar o medio ambiente.
  • Un segundo nivel de actuación: de participación cidadá, peza clave na posta en marcha de calquera programa de actuación.
  • Unha recomendación: que os concellos, comarcas e mancomunidades de Galicia, coa axuda e o apoio da Administración, adquiran o compromiso de adhesión á Carta de Aalborg e inicien e impulsen a posta en marcha e o desenvolvemento da Axenda 21 Local.

A posta en marcha en Galicia deste Programa, no seu periplo itinerante por toda a xeografía galega ao longo de 12 anos, contou coa participación de 253 concellos (248 galegos, 2 leoneses, 1 asturiano y 2 portugueses) e 5 entidades locais e rexionais portuguesas, e 4.701 asistentes nas 49 edicións de Cursos de Saúde Ambiental realizados. Precisamente co fin de abordar e debater algúns dos problemas ambientais prioritarios que ten a civilización actual, organízase o “International Congress on Environmental Health – L Curso de Saúde Ambiental”, que deseñado de acordo cos principios da Carta Europea sobre Medio Ambiente e Saúde, e a Carta de Aalborg cara á sostibilidade, e dirixido a todos aqueles que traballan ou están interesados no medio ambiente e na saúde, pretende converterse en foro de debate e estudo da situación ambiental do planeta, ademais de punto de encontro de sanitarios e ambientalistas, e referencia ambiental a nivel internacional durante esa semana, co obxectivo de contribuír a sentar as bases do desenvolvemento sostible cara ao futuro do planeta Terra.

Finalmente, destacar a necesidade de unir esforzos por parte de responsables políticos, empresarios, científicos, educadores, profesionais, comunicadores, ecoloxistas, así como a participación activa dos cidadáns, en prol de conseguir un medio ambiente saudable e sostible para tod@s @s habitantes do planeta, mellor legado para xeracións vindeiras.

Prof. Dr. Francisco José Peña Castiñeira
Fundador Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2012
Presidente International Congress on Environmental Health
Director L Curso de Saúde Ambiental

Descargar el programa e información detallada (PDF).

Related posts

31 Jornada Técnica SESA 2024

Publicado un nuevo número de la Revista de la Asociación de Enfermería Comunitaria (RIdEC)

Nuevo número de la Revista de Salud Ambiental: Vol. 24 Núm. 1 (2024)