Inicio Eventos III Congreso Galego de Medio Ambiente & Saúde

III Congreso Galego de Medio Ambiente & Saúde

por SESA
2,1K vistas

Presentación del III Congreso Galego de Medio Ambiente & Saúde:

´O medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, saúde e benestar á poboación´.

Cada día ten maior importancia o coñecemento do medio ambiente dunha comunidade, xa que é un condicionante do seu benestar social, sanitario e económico. A industrialización e a urbanización modificaron o medio ambiente dando orixe a problemas ambientais de primeira orde (o efecto invernadoiro e o cambio climático, a destrución da capa de ozono estratosférica, o transporte de contaminantes, a desertización, etc.) que é preciso corrixir, así como evitar que as actividades futuras orixinen máis deterioracións no noso contorno a través dunha política preventiva que permita un desenvolvemento sostido e equilibrado e teña como obxectivos a protección da saúde do home e a conservación de todos os recursos (aire, auga, solo, clima, especies de flora e fauna, alimentos, materias primas, hábitat, patrimonio natural e cultural) que condicionan e sustentan a vida. As interrelacións entre os diversos recursos e a súa xestión fan cada vez máis necesaria a posta en marcha de estratexias globais, entre as que ocupa un papel fundamental o principio de prevención, xa que máis vale previr que curar.

A forte conexión entre medio ambiente e saúde recoñeceuse expresamente na 3ª Conferencia Ministerial do Medio Ambiente e a Saúde (Londres, 1999). O Cume da Terra de Río de Janeiro (1992) e a Conferencia de NNUU sobre Medio Ambiente e Desesenvolvemento de Johannesburgo (2002), acuñaron a idea de desenvolvemento sostible, que expresa a imposibilidade dun desenvolvemento sen contar co medio ambiente (a protección do medio ambiente e o desenvolvemento económico e social son tres piares inseparables do desenvolvemento sostible). Para acadar os obxectivos do VI Programa Comunitario de Acción en materia de medio ambiente para 2001-2010, ademais da consideración das disposicións lexislativas vixentes e de aspectos tecnolóxicos inclúense actuacións tales como o aumento de diálogo coa empresa, fomento de acordos voluntarios, participación da opinión pública, acceso á información ambiental, etc. A empresa ten unha especial responsabilidade diante do medio ambiente ao ser consumidora de recursos, ademais de fonte de emisións e residuos; pero tamén é orixe de coñecementos científicos e tecnolóxicos, así como de positivos impactos socioeconómicos; o cal levou a moitas empresas a integrar a política ambiental nas estratexias corporativas adoptando criterios de protección do contorno na planificación de actividades e toma de decisións, o que implica tamén ás asociacións empresariais, xa que a protección do medio ambiente na empresa constitúe unha responsabilidade corporativa.

A Oficina Rexional para Europa da OMS, baseándose nas iniciativas de Cidades Saudables, e tendo en conta as experiencias dos plans de sanidade ambiental locais e os programas da Axenda 21 existentes nalgúns países europeos, decidiu apoiar as entidades locais e rexionais para acadar os obxectivos do desenvolvemento sostible, para o cal é necesario impulsar a posta en marcha de medidas de planificación e control do medio ambiente relacionadas cos aspectos sanitarios, xa que para resolver os problemas do medio ambiente, a saúde e o desenvolvemento sostible, é preciso chegar a un acordo e emprender accións non só a nivel nacional e internacional senón tamén a nivel subnacional e local.

Na liña das políticas da OMS de propoñer ambientes saudables, e coa esperanza de concienciar aos concellos galegos de asumir esta filosofía na xestión dos aspectos ambientais da saúde e así poder contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia e mellorar as condicións de vida dos cidadáns, púxose en marcha en Galicia no ano 2000, o Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2010, que contou cos parabéns do coordinador do proxecto ¢Healthy Cities¢ da Oficina Rexional para Europa da OMS. Esta iniciativa itinerante pioneira en España, leva consigo:

Un primeiro nivel de actuación: de formación e reciclaxe de técnicos en medio ambiente e saúde, e foro de debate de todos os axentes sociais implicados na tarefa de protexer e conservar o medio ambiente.

Un segundo nivel de actuación: de participación cidadá, peza clave na posta en marcha de calquera programa de actuación.

Unha recomendación: que os concellos, comarcas e mancomunidades de Galicia, coa axuda e o apoio da Administración, adquiran o compromiso de adhesión á Carta de Aalborg e inicien e impulsen a posta en marcha e o desenvolvemento da Axenda 21 Local.

A posta en marcha en Galicia deste Programa, co apoio da OMS, auspiciado pola SESA e baixo o mecenado de Obra Social Caixa Galicia, Confederación Hidrográfica del Miño-Sil do Ministerio de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino, Xunta de Galicia, Egael-Fegamp, Sogama, Iberdrola e Aquagest, no seu periplo itinerante por toda a xeografía galega o longo desta década, contou coa participación de 222 concellos (219 galegos, 2 leoneses e 1 asturiano) e 3.945 asistentes nas 42 edicións de Cursos de Saúde Ambiental realizados. Precisamente co fin de abordar e debater algúns dos problemas ambientais prioritarios que ten o conxunto da comunidade galega, organízase o XLIII Curso de Saúde Ambiental – III Congreso Galego de Medio Ambiente & Saúde, que deseñado de acordo cos principios da Carta Europea sobre Medio Ambiente e Saúde, e a Carta de Aalborg cara á sostibilidade, e dirixido a todos aqueles que traballan ou están interesados no medio ambiente e na saúde, pretende converterse en foro de debate e estudo da situación medioambiental de Galicia, ademais de punto de encontro de sanitarios e ambientalistas, e referencia ambiental de Galicia durante esa semana, co obxectivo de contribuír a sentar as bases do desenvolvemento sostible cara ao futuro da nosa terra.

Finalmente, destacar a necesidade de unir esforzos por parte de responsables políticos, empresarios, científicos, educadores, profesionais, comunicadores, ecoloxistas, así como a participación activa dos cidadáns, en prol de conseguir un medio ambiente saudable e sostible para tod@s @s galeg@s, mellor legado para xeracións vindeiras.

Prof. Dr. Francisco José Peña Castiñeira
Responsable Programa Galego Municipios Saudables e Sostenibles 2000-2010

Descargar el Programa completo del Congreso (PDF).

Publicaciones Relacionadas